martes, 29 de enero de 2008

Valoración das web dos demáis (Sergio González)

Non creo que sexa xusto que nós poidamos valorar as páxinas dos demais, e moito menos que teñamos que facelo. Pero aquí vai:

iMargínate:9,25

-Contidos: 9,5. Os contidos desta web resúltanme novos e divertidos, cun humor sinxelo e efectivo.

-Deseño: 8,5. Este apartado está tamén moi coidado e considero que se axusta moi ben ao contido da páxina; aínda así hai algunha cor que me resulta demasiado forte.

-Estrutura: 9,5. Os apartados da web están ben pensados e organizan perfectamente os contidos.

-Navegación: 9,5. É sinxela e con moitas posibilidades, correcta.

-Aspectos positivos: o deseño está perfectamente adaptado aos contidos. Os contidos parécenme interesantes para case calquera usuario, e aínda que hai moitos, non aburren.

-Aspectos negativos: os títulos das seccións non sempre reflicten os contidos que imos atopar. Algunha das cores utilizadas paréceme excesivamente forte.

The Sick Room:9

-Contidos: 9. Resultan moi interesantes, porque crean expectativas no visitante da web, as cales, potenciadas en gran parte polo morbo, resultan en certa escaseza de contidos no que se refire á participación no xogo.

-Deseño: 8,5. Paréceme que xoga acertadamente con esas texturas, e coma no anterior caso, a conxunción entre deseño e contidos é moi boa. Pero ás veces as cores dun dos lados da pantalla contrasta un pouco coas do outro.

-Estrutura: 9,5. Está moi ben artellada.

-Navegación: 9. É sinxela, pero un pouco limitada porque o xogo ten un camiño marcado; no resto da web está correcta.

-Aspectos positivos: o deseño crea un ambiente propicio para o desenvolvemento do xogo, moi ben pensado. O xogo ten gancho.

-Aspectos negativos: quédase moi curta con respecto ao que se espera. Ao principio semella que vai ser máis salvaxe, porén despois deixa unha imaxe dunha violencia infinitamente máis inocente. Aínda que se pretenda abordala en clave de humor, resulta incongruente co contido, o cal semella demasiado serio e, porén os vídeos dan risa.

Universo SAP:5,75

-Contidos: 5. Son contidos excesivamente persoais, considero que o seu espazo debería estar mellor nun blogue.

-Deseño: 6. Aínda que a intención sexa diferenciar ben os tres mundos, dende o meu punto de vista son demasiado diferentes e iso réstalle cohesión á web. Déixame a sensación de seren tres páxinas no lugar dunha.

-Estrutura: 6. É algo caótica debido a que non sempre se indica onde pulsar para acceder aos contidos, os cales parece así que están algo desordenados. É unha estrutura un tanto deficiente.

-Navegación: 6. É complicada porque non sempre queda claro sobre que obxectos debemos pinchar para acceder aos contidos.

-Aspectos positivos: nalgúns casos aparecen elementos simpáticos que relaxan a percepción desestruturada da páxina.

-Aspectos negativos: a funcionalidade é escasa debido ao deseño que me resulta complicado e a que os contidos son de carácter persoal. Os mundos non teñen nada que os relacione máis alá de seren mundos como tal. Os títulos son practicamente inexistentes alén do propio título da web no inicio.

Os Feitizos da Meiga:8,125

-Contidos: 7’5. Están moi ben escollidos e son interesantes, aínda que nalgunha sección como por exemplo en “Maxia Galega”, que no subtítulo fai referencia á tradición e cultura milenarias de Galiza e só aparecen dous subapartados, semella que non estaba de máis estendelos un pouco.

-Deseño: 7,5. É orixinal e, á vez, perfectamente funcional. Porén, a portada está moi sobrecargada dende o meu punto de vista e as seccións case baleiras se as comparamos.

-Estrutura: 8,5. A organización non ten erros, mais eu eliminaría a sección das Meigas Televisivas, porque creo que desentoa un pouco co resto, mais como curiosidade está ben.

-Navegación: 9. Sinxela e correcta.

-Aspectos positivos: o acceso aos contido é completamente intuitivo, facendo cómoda a visualización da páxina e mesmo áxil se imos con présa. A sección de consultas pode suplir a falta dalgún contido máis.

-Aspectos negativos: nalgunhas seccións os contidos quedan un pouco curtos.

División Paquito:8,375

-Contidos: 8,5. Levan detrás un traballo de creación moi importante e ben feito, sen dúbida. Achegan algo novo e orixinal.

-Deseño: 8,5. As cores resúltanme ás veces algo estrañas.

-Estrutura: 8. Non me acaba de convencer que cada apartado da historia sexa unha sección, aínda así a estrutura é moi clara e sen fisuras.

-Navegación: 8,5. Doada.

-Aspectos positivos: O gran traballo de creación que leva consigo.

-Aspectos negativos: A estrutura escollida, non sei como, pero creo que doutra maneira luciría máis o traballo feito.

EllaTV:8,375

-Contidos: 7. Seméllame un chisco arriscado inventar unha serie de TV, polo motivo de que non ten un público real e non sei até onde pode chegar o interese dos contidos.

-Deseño: 8,5. Adáptase aos obxectivos da promoción da serie, e a elección do emprego dunha cor para cada persoa considéroa moi acertada. Considero un erro a elección do tamaño da web.

-Estrutura: 9. Correcta, pero algunha sección considero que sobra debido a que non nos podemos poñer no contexto da serie.

-Navegación: 9. Sinxela, correcta e rápida.

-Aspectos positivos: O deseño é funcional e a estrutura áxil.

-Aspectos negativos: a páxina está demasiado centrada nas protagonistas da serie en lugar da serie en si mesma. Ao ser unha serie inexistente temos que imaxinar como se a coñecésemos para que adquira todo o sentido o que propón a web.

Gelatina:9,25

-Contidos: 9,5. Ten todo o que considero que unha páxina dunha empresa debe ter. Ademais dos contidos de tipo informativo sobre a empresa ten unha galería ben nutrida de contidos.

-Deseño: 8,5. A organización é moi boa, pero as galerías parecen algo caóticas. O deseño en xeral pega perfectamente coa estética pop das coleccións.

-Estrutura: 9,5. A organización dos contidos é correcta.

-Navegación: 9,5. O acceso a todos os apartados é moi rápido e a comunicación entre todo eles é completa, ao mellor desconcertan un chisco as galerías.

-Aspectos positivos: a visita resulta agradable. É un bo detalle a inclusión dos bocetos dos deseños ao carón das fotografías.

-Aspectos negativos: a organización das galerías resulta estraña.

Nicotina no Condón:7,75

-Contidos: 8. Paréceme que son os contidos axeitados para dar a coñecer esta iniciativa, mais incluiría unha sección na que se anunciasen as actuacións vindeiras, paréceme esencial.

-Deseño: 6. Creo que é sinxelo en exceso, aínda que está ben presentado e a proposta é boa.

-Estrutura: 8. Os contido están perfectamente organizados, pero debería haber algunha sección máis, pois semella unha páxina un tanto escasa, tanto visualmente como en contidos.

-Navegación: 9. Non presenta problemas, correcta.

-Aspectos positivos: A facilidade de navegación. Preséntasenos perfectamente ao grupo de teatro.

-Aspectos negativos: Bótase en falta unha axenda de actuacións. Resulta sinxela en extremo, pois debería ser máis atractiva visualmente vindo dun grupo que coida os aspectos visuais na representación das obras.

Tunic_a_Revista:9,125

-Contidos: 9. Os contidos están minuciosamente confeccionados, de xeito que lle dan un carácter estable á publicación online e achéganlle unha conexión moi forte, aínda que o público ao que se dirixe quizais sexa demasiado reducido.

-Deseño: 8,5. Creo que ten unha marxe demasiado grande pola esquerda, iso fai que se me faga raro ver a páxina, é unha sensación un tanto estraña.

-Estrutura: 9,5. Moi ben feita, pero ao mellor resultan un pouco incómodas as ligazóns de “seguinte>”, considero que sería mellor buscar outro modo.

-Navegación: 9,5. Todo está moi ben artellado e facilita enormemente a navegación, pero quizais á sección de cultura víñalle ben un título máis específico.

-Aspectos positivos: A facilidade de navegación.

-Aspectos negativos: O deseño, que no meu monitor vese moi alonxado da esquerda e moi pegado á dereita.

O Sacho:9.25

-Contidos: 9,5. A maioría dos refráns nin me soan, debo recoñecelo. O resto dos contidos son tamén moi interesantes porque achegan algo novo, ademais de que nalgúns podemos participar. Unha achega moi interesante sobre cultura nacional-popular.

-Deseño: 8,5. Ben acorde co contido, pero os botóns non deberían ser tan escuros e a sección das adiviñas debería ter un fondo coma o resto das seccións.

-Estrutura: 9,5. Ben estruturada a páxina enteira, e moi ben a decisión de incluír unha sección de xogos.

-Navegación: 9,5. É certamente áxil, tanto serve se buscas algo concreto coma se simplemente botas unha ollada.

-Aspectos positivos: A facilidade de navegación, a estruturación tan ben feita de tantos contidos. A inclusión de apartados interactivo coma os de xogos e adiviñas.

-Aspectos negativos: Os botóns do menú resultan un tanto escuros.

Nuestros 90:7,125

-Contidos: 7,5. É unha selección válida supoño que para grande parte das xeracións de finais dos oitenta, mais non atopo nada co que me identifique nin un pouco. Hai algo que considero que falla na selección dos contidos, porque ademais a inmensa maioría da xente que coñezo destas idades tampouco se sentiría identificada. Moitas cousas directamente nin as recoñezo.

-Deseño: 6,5. Resulta demasiado cargante, aínda que o seu obxectivo así o implique, creo que me resulta inevitable esta apreciación.

-Estrutura: 8. Os contidos están ben organizados e de xeito orixinal.

-Navegación: 6,5. O deseño tan saturado fai que ás veces me encontre un tanto perdido nalgunha das páxinas.

-Aspectos positivos: A orixinalidade do tema, case nunca se ten tratado os noventa dende ese punto de vista.

-Aspectos negativos: A imaxe tan tremendamente infantil que transmite a páxina. A selección dos contidos podía ser máis xeral e non tan persoal.

1 comentario:

Anónimo dijo...

A vida é moi inxusta.
A valoración numérica global era imprescindible, incluido o voso proxecto. Síntoo, pero é como se non se fixera.
mol